Alarma en el camino

COMO MUDAN OS TEMPOS

Vehículos motorizados, argalladas que imitan a vida dos maiores e xogos interactivos van ser os “produtos estrela” nas vindeiras festas do Nadal, segundo un traballo feito por un xornal lugués entre as máis importantes empresas do sector. Unha das máis interesantes novidades que presentan as empresas especializadas en enredos para os cativos é permitirlles imitaren a vida dos adultos; poden reproducir costumes, xeitos e maneiras que están afeitos a ver nos seus pais.

Mais unha boa parte dos enredos e xogos que se presentan nesta tempada son interactivos; quere dicir, permítenlles aos meniños manteren pequenas conversas coas bonecas, responder as adiviñas dun macaco, montar e facer funcionar a súa cociña ou o seu automóbil e construír diferentes xogos a partir dun produto inicial.

Alén destas novidades, os fabricantes confían na continuidade do xoguete clásico, sobre todo as bonecas con nome, das que moitas xa atinxiron unhas cifras de vendas espectaculares no sempre difícil mercado dos Estados Unidos de Norteamérica. Unha empresa que se ven dedicando a fabricar coches ten grandes expectativas postas nunha serie de deportivos para pequenos; vainos reproducir a escala dotados cun sistema de automoción, luces intermitentes e de freo, bucina, ruído de motor, etc.

Outra empresa puxo no mercado unhas bonecas que darán bicos ao contacto coa face do cativo e iluminaranse con diversos tons mentres se oe unha música previamente escollida. Pero aínda veremos cousas máis sofisticadas, como unha boneca acompañada dun monicreque que permitirá aos meniños xogaren con tres voces: a propia, a da boneca e a da marioneta.

Por outra banda, os brinquedos seguen a reproducir a sociedade á que van dirixidos, con papeis diferentes para o neno e a nena. Así temos verdadeiras series ou “familias” dirixidas ás pequenas, todas con “bos” prezos e moi completas: vestidos de todas as clases, cociñas, caravanas, tendas, xardíns, cuartos, etc. O pequeno poderá escoller entre sofisticadas armas intergalácticas, automóbiles totalmente equipados, pistas para rápidos deportivos, horríbeis bonecos que representan os maos das series de televisión, etc. Pais, avós, padriños e demais portadores de regalos cumprirán coa súa obriga entregando uns, os primeiros, á nena e outros, os segundos, ao neno. Pasado o apuro dos primeiros días poderemos observar como o pequeno xoga coa irmá e as súas bonecas ou a pequena bota man dos coches. Hai unha terceira clase de enredos que poderíamos chamar neutra, valen para el e para ela: construcións, quebracabezas, mecanos, xogos clásicos como o xadrez, dominó, etc., que agora meten ata 30 no mesmo aparello. Algúns chámanlles xogos educativos, mais educativos son todos porque todos axudan a formar en maior ou menor medida as mentes infantís.

Mañá falaremos da publicidade, que ese é un cantar moi longo.